Thursday 02 de May de 2024

Mar apoia a nove pemes de de transformación de produtos do mar da comarca do Barbanza cunha liña de axudas de máis de 645.000€


Ovidio Rodeiro informou que estas achegas teñen como obxectivo apoiar ás pequenas e medianas empresas para que poidan facer melloras
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou da resolución das axudas para que as pemes de transformación de produtos do mar poidan mellorar a súa competitividade. Estas achegas permitirán acometer melloras como a optimización dos procesos de transformación, a innovación no ámbito da industria de procesado de peixes e na transformación de moluscos, a ampliación e adquisición de equipamentos nas plantas de transformación de produtos do mar e melloras en materia de eficiencia enerxética, entre outras.

O representante do Goberno autonómico visitou esta mañá unha das empresas beneficiarias, Fiss SA que contou cunha subvención de máis de 30.000 euros para levar a cabo a optimización do proceso de envasado e acondicionamento de especies peláxicas para garantir melloras das condicións dos traballadores.

O delegado territorial da Xunta destacou que na comarca do Barbanza “son 9 as empresas que cumpriron os requisitos e recibiron estas achegas que ascenderon a máis de 645.000 euros nos concellos de Boiro (2 axudas), Muros, Outes, Porto do Son, Rianxo e Ribeira (3 axudas)”.

Ovidio Rodeiro sinalou que “os beneficiarios destas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), son pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura que realizan investimentos que contribúen a, entre outras cuestións, aforrar enerxía, mellorar a seguridade, optimizar os procesos de transformación e contar con novos produtos e procesos ou mellores sistemas de xestión”.

As achegas aprobadas no marco da convocatoria de 2019, nas que a Xunta aporta o 50% do proxecto global aprobado, teñen como destino actuacións que se desenvolven tanto este ano como o próximo, co que o investimento se reparte nesas dúas anualidades, con 5,4 millóns de euros para este ano e algo máis de 6,1 millóns para 2020. Estas axudas xerarán un investimento total de máis de 26 millóns de euros na comunidade autónoma.

O obxectivo desta liña de subvencións é que o sector transformador dos produtos do mar poida mellorar a súa eficiencia enerxética, reduza o impacto no medio ambiente, promova a innovación e mellore a súas condicións de traballo e seguridade, o que contribúe a incrementar a súa competitividade e mellorar os seus resultados económicos.

Convocatorias anteriores
Das convocatorias de 2016, 2017 e 2018 desta orde de axudas beneficiáronse preto de 130 pemes de transformación de produtos do mar por valor de máis de máis de 30,7 millóns de euros. A través delas, subvencionáronse, entre outros proxectos, algúns relacionados coa posta en marcha de industrias de procesado de peixe, con equipamentos para a mellora dos procesos de transformación, coa innovación no ámbito de novos e mellores procesos, coa mellora no tratamento de residuos e o aforro enerxético.